Novo álbum das Fillas de Cassandra, ‘Tertúlia’: doce cancións convertidas en escultura

De ser portada dun disco a conformar unha exposición. Doce cadeiras despregadas nun círculo para facilitar organicamente o encontro. Unha roda para conversar e para poñer a palabra no centro. Doce pezas, unha por cada canción do disco, son as protagonistas de ‘Tertúlia’, o novo álbum de Fillas de Cassandra.

Que forma, textura ou cor terían as cancións se fosen cadeiras? Baixo esta premisa agroma ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’, unha exposición que hibrida a creación musical de Fillas de Cassandra coa práctica escultórica e escenográfica do colectivo As dúas e punto. A mostra invita ao público a entrar fisicamente na portada do novo disco do dúo, un álbum que verá a luz o 24 de abril. 

A elección da cadeira como dispositivo narrativo desta ‘Tertúlia’ non é arbitraria; remite á oralidade, á escoita, á expresión. Ás mulleres que sacaban o asento á rúa para «saír á fresca» e falar, conversar, dialogar; para transformar o espazo público nun lugar de transmisión e complicidade, idea que atravesa o segundo LP das viguesas. Esta exposición recupera ese xesto para encarnar a música en doce pezas que funcionan como partituras tridimensionais.

As cadeiras da exposición -que tamén se poderá visitar en Madrid os días 10 e 11 de abril no espazo Infinito Delicias- non son practicables nin buscan a comodidade neutral. Ao igual que as letras de ‘Tertúlia’, estas pezas toman partido: algunhas ofrecen refuxio mentres outras incomodan ou expulsan, obrigando á receptora a situarse ante a obra. A disposición circular das doce pezas e as indicacións de «posible falar» que se ven no espazo activan de maneira orgánica a tertúlia, transformando o museo nunha praza pública de intercambio.



Doce cancións, doce cadeiras

A instalación articúlase como unha experiencia espacial onde cada cadeira conta cun stand individual de escoita. Estas son as doce cancións transformadas en pezas escultóritcas que conforman a mostra. 

  1. ‘SAÍR Á FRESCA’: Unha estrutura metálica con cinchas de cores rechamantes e pintura en spray verde, evocando a estética das cadeiras de praia históricas.
  2. ‘ALBOROTO’: Unha «anti-cadeira» agresiva, cuberta de pinchos anti-pombas negros, deseñada para sinalar límites e incomodar.
  3. ‘MAGNÉTICA’: Unha peza que simboliza o fervor do encontro, construída con elementos variados que van desde unha cáscara de pipa ata unha perna de boneca.
  4. ‘TERTÚLIA’: A peza máis sólida e funcional, de madeira e metacrilato espello, que convida ao reflexo e a comezar a desobedecer.
  5. ‘CUCHICHEO’: Estruturas de plástico branco entrelazadas cunha bota de charol negro, representando o rumor constante e a complicidade. Na canción, Fillas de Cassandra conta coa colaboración de Pipiolas. 
  6. ‘FILLA FILLIÑA’: Unha mecedora de madeira e ratán que funciona como unha nana interxeracional, tan tranquilizadora como inquietante, na que Abraham Cupeiro participa no disco. 
  7. ‘AMOR’: Unha peza forzosamente confortable de poliuretano verde e cinchas laranxas, que fala da forza do aferro e do duelo.
  8. ‘VERBENA’: Estrutura circular de médula de ratán que conecta coas espigas de Maruja Mallo e a idea de continuar o baile cando a festa remata.
  9. ‘BUCÓLICA’: Cadeira-refuxio de madeira cuberta de musgo artificial e flores naturais, que simboliza a pausa e o tempo de botar raíces. O navarro Zetak colabora nesta canción. 
  10. ‘INSOLACIÓN’: Unha estrutura de metacrilato e cera branca que representa o extase da liberación en comunidade ata derreterse.
  11. ‘DÉIXATE VER’: Xogo entre a transparencia do metacrilato e a presenza dunha pedra de papel maché, sobre o baleiro que deixan as amizades esvaídas, e que no disco tamén canta Ede. 
  12. ‘LODOS’: Unha peza de terciopelo morado e espuma branca que celebra a certeza da amizade e o desexo de quedarse mentres pasan os lodos.

Tertúlia, o segundo LP de Fillas de Cassandra

O 24 de abril María SOA e Sara Faro lanzarán, da man de Altafonte, ‘Tertúlia’, o seu agardado segundo LP. Un traballo que supón un paso firme na súa evolución artística, onde o orgánico e o electrónico se entrelazan para dar voz a un diálogo que transcende o tempo.

‘Tertúlia’ é un convite a desobedecer a través do encontro e da palabra. Neste novo traballo, producido xunto a Çantamarta polas propias Fillas de Cassandra, a electrónica convértese na linguaxe protagonista, reflectindo o latexo da xeración de mozas galegas á que pertencen. As viguesas contan neste álbum, ademais, coa colaboración de nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.

O álbum articúlase arredor de doce temas que funcionan como un espazo de confianza, un xesto político de escoita nun contexto de fragmentación social. Desa ducia xa se coñecen tres adiantos: ‘saír á fresca’, ‘insolación’ e a recente ‘déixate ver’.

A presentación ao vivo de ‘Tertúlia’ chegará o 9 de maio no Recinto Feiral de PontevedraFillas de Cassandra e numerosas colaboradoras -que se darán a coñecer nestas semanas- citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro. As entradas para a gran estrea da ‘Tertúlia’ xa están á venda.

Related posts

Arquivada a denuncia por agresión sexual contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares

Ondas do Mar leva o encaixe de Camariñas aos Premios Artesanía de Galicia

Patricia Iglesias critica que o PP e o goberno galego ‘poñan escusas’ para ter ambulancia medicalizada na Costa da Morte