O campo de refuxiados de Yabalia, actualmente o máis grande a Franxa de Gaza, foi bombardeado por segundo día consecutivo. Así o asegura o Goberno de Hamás, que afirma que Israel atacou varios edificios residenciais do lugar deixando numerosas vítimas mortais. Témese que centos de persoas estean sepultadas baixo os entullos.
Todo iso tan só unhas poucas horas despois dun primeiro ataque no que morreron polo menos 50 persoas, aínda que os médicos do lugar falaban de máis de 150.
O apagamento de comunicacións no que volveu sumirse a Franxa dificulta a recompilación de máis información. E é que en Gaza tivo lugar unha interrupción total de comunicacións e servizos da internet, o segundo corte deste tipo nos últimos cinco días.
As axencias de axuda humanitaria xa advertiron de que este tipo de apagamentos perturban gravemente o seu traballo nunha situación xa de seu terrible.
O Exército israelí, que confirmou o primeiro ataque, lembrou que o mesmo ía dirixido a un centro de control de Hamás, e que con el acabarían coa vida dun importante comandante dos yihadistas, Ibrahim Biari.
Os últimos datos do Ministerio de Sanidade de Gaza elevan agora mesmo a 8.800 o número de mortos desde o pasado 7 de outubro. Israel confirma pola súa banda a morte de sete dos seus reféns e de 13 dos seus soldados, durante a xa en marcha incursión terrestre en Gaza.