Unha vez máis José Lamela e Daniel Pérez tiveron que abandonar, de novo por avaría nos freos como sucedera no pasado Rallye de Ferrol. Nesta ocasión regresaban ao Campionato de Galicia de Rallyes, que volvía á acción tras sete meses e medio sen actividade, co Rallye San Froilán. O piloto de Ames iniciaba a proba coa seu Citroën Saxo VTS, convenientemente revisado e rexistrado na Copa Top Ten Driver Pirelli B, con moi boas sensacións aínda que padecendo xa desde o primeiro tramo problemas cos freos, finalizando a primeira sección tras tres tramos disputados na sexta posición da copa entre os 35 participantes na mesma.
Na asistencia posterior de Outeiro de Rei parecía que o problema se había resolto e de feito os tempos melloraban notablemente para situarse despois da segunda volta polas especiais na quinta praza, pero co podio da Top Ten Driver Pirelli B como obxectivo nos tres restantes pois estaba ao seu alcance aínda reproducíndose de novo o contratempo cos freos. Nese momento chegaba o abandono xusto cando se dispoñían a iniciar o penúltimo tramo, ao detectar que se rompeu un retén do líquido de freo, perdéndoo todo e sendo imposible continuar. Deste xeito terminábase a carreira para o equipo da Escuadra Yacar Racing, que tentará acudir á próxima cita do certame, o Rallye Mariña Lucense que se celebrará en Viveiro (Lugo) a mediados de novembro.