A Xunta de Galicia convocará un novo concurso público para a adxudicación de 17 parcelas que suman máis de 33.000 metros cadrados de chan residencial urbanizado nos concellos da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra, que deberán destinarse á construción de vivendas protexidas.
Este concurso incluirá como novidade a posibilidade de que as parcelas se poidan adxudicar en dereito de superficie, cunha duración de 60 anos e o deber por parte dos promotores de que as vivendas sexan destinadas a alugueiro. Esta opción verase reforzada pola próxima convocatoria de axudas para a promoción en chan público de vivendas en réxime de alugueiro durante un período mínimo de 50 anos. A convocatoria destes incentivos terá unha dotación de 16,12 millóns de euros financiados con fondos europeos.
Os adxudicatarios de chan en dereito de superficie pagarán un canon anual equivalente ao 0,1% do prezo de venda da parcela, cunha revisión anual segundo o IPC. Tamén poderán solicitar unha carencia no pago de dous anos.
Ademais e do mesmo xeito que en convocatorias anteriores, o chan ofertado tamén poderá adxudicarse en réxime de compravenda. Neste caso, o prezo das parcelas fixarase en función do réxime de protección que o adxudicatario vaia solicitar, de forma que as parcelas para vivendas de réxime especial terán os prezos máis baixos e as de réxime concertado, os máis altos, situándose entre ambas as de réxime xeral.