Novo convenio de colaboración entre o Concello de Carballo Vieiro para a prevención das drogodependencias

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión ordinaria a sinatura dun novo convenio entre o Concello de Carballo e a asociación Vieiro para seguir colaborando no ámbito da prevención das adiccións en todos os ámbitos. O acordo tamén inclúe os servizos de información, orientación, asesoramento e atención xurídico-social que presta a entidade tanto ás persoas toxicómanas coma ás súas familias, e puntualmente fináncianse os gastos de asistencia a centros de rehabilitación, programas de desintoxicación ou de inserción para a inclusión social das persoas con condutas adictivas que carecen de recursos.

O ano pasado foron atendidas 263 solicitudes de información, orientación e asesoramento, 34 delas de xeito presencial, na sede cedida polo Concello de Carballo á asociación Vieiro na avenida da Cristina, e 229 por teléfono. O primeiro motivo das consultas son os programas de prevención, seguidos da orientación ás familias para o manexo de condutas de risco e, en terceiro lugar, os centros de deshabituación, sobre todo por consumo de cocaína e alcohol, que é a substancia máis consumida polas persoas que se poñen en contacto coa entidade. Doce persoas foron derivadas a centros especializados como Proxecto Home, a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) do Concello de Carballo ou Grupo Noroeste.

Vieiro tamén ten en marcha un programa de atención xurídico-social para persoas con calquera tipo de adicción que teñan problemas legais pendentes, que prestou asistencia o ano pasado a 45 persoas: o 90% eran homes, e máis da metade iniciáranse no consumo entre os 19 e os 24 anos.

En colaboración cos centros educativos tamén desenvolve proxectos específicos para distintos niveis, tanto de primaria coma de secundaria, ademais das xa históricas escolas de nais e pais.

Related posts

Obras de mellora da estrada entre os núcleos do Lorteiro e Goexe, na Laracha

Camariñas solicitará a adscrición da antiga Escola Náutico Pesqueira á Tesourería Xeral da Seguridade Social

O BNG demanda o reforzo de servizos médicos e novas especialidades no hospital público da Costa da Morte