Novo curso de fotografía con móbiles e tabletas en Carballo

PIXABAY

  • O fotógrafo Alfredo Varela será a persoa que impartirá as técnicas e trucos durante este obradoiro intensivo

A Consellería de Cultura organiza un curso intensivo de fotografía, enmarcado dentro da programación do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís. O fotógrafo Alfredo Varela será o encargado de de achegar conceptos sobre técnica fotográfica, exposición, enfoque, e tamén aplicacións gratuítas de retoque dixital.

Serán cinco sesións de tres horas de duración (de 10.30 a 13.30 horas) que se celebrarán do 8 ao 12 de xullo. O Pazo da Cultura actuará como base, pero os alumnos sairán á rúa para facer as súas prácticas.

O curso é de balde e para participar só hai que ter entre 12 e 18 anos de idade, e dispoñer dun dispositivo móbil.

Os interesados poderán inscribirse do 27 de xuño ao 4 de xullo descargando o impreso que atoparan en www.carballo.gal e presentándoo no Rexistro Municipal. Só hai 15 prazas e cubriranse por orde de inscrición.

Cartel do curso de fotografía en Carballo