Novo curso para que 50 persoas máis exerzan de guías do Parque Nacional das Illas Atlánticas

1 minutes read

Un total de 50 persoas participarán desde este luns nunha actividade formativa gratuíta que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

O curso estenderase ata o 14 de xuño e consiste en 70 horas de instrución mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. Esta primeira fase teórica será complementada cunha parte práctica obrigatoria de 30 horas de duración. Neste caso, será presencial e terá lugar nas propias illas entre o 2 e o 5 de outubro.

O obxectivo é ofrecer ás persoas interesadas a formación necesaria para poder exercer axeitadamente o labor de guía no Parque Nacional, razón pola que está enfocado en dar aos participantes as ferramentas, técnicas e bases conceptuais imprescindibles para o desenvolvemento de actividades didácticas e a dinamización de grupos.

Entre os 50 inscritos, procedentes das catro provincias, existe unha grande variedade de perfís profesionais aínda que a maioría desenvolven a súa actividade nalgún ámbito relacionado, de forma directa ou indirecta, co sector turístico da área de influencia das Illas Atlánticas. En concreto, participarán informadores en puntos de atención turística, guías, técnicos de concellos ou de organismos vinculados ao sector, traballadores das navieiras que operan o transporte aos arquipélagos, ou persoal de hostalería.

En todo caso, tamén hai algúns profesionais procedentes doutras disciplinas —como ornitólogos, biólogos, licenciados en ciencias do mar, arqueólogos, etc.— interesados en lograr a capacitación necesaria para poder especializarse na difusión dos principais valores que atesouran as Illas Atlánticas.