Novo éxito da campaña de doazón de sangue en Carballo con 122 participantes

1 minutes read
  • Das 134 persoas que se achegaron ata a unidade móbil de ADOS, 12 non puideron doar e 2 fixérono por primeira vez

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo agradecen a solidariedade da veciñanza tras a elevadísima participación na campaña especial de doazón realizada a semana pasada. En só tres xornadas pasaron pola unidade móbil un total de 134 persoas, 12 das cales non puideron doar. Das 122 que si o fixeron, 2 acudían por primeira vez. A participación incrementouse nun 26% con respecto á media mensual do ano pasado, un aspecto que dende ADOS valoran moi positivamente.

O obxectivo deste 2021 é acadar a taxa de 40 doazóns por 1.000 habitantes (o ano pasado foi de 37), un obxectivo que está «moito máis preto se conseguimos manter a participación nas campañas mensuais que nos quedan ata finais de ano», sinalan desde o Concello.