O físico baiés Jorge Mira organizou conxuntamente co Concello de Cabana, coa Deputación da Coruña e o albergue municipal Alalá Terra e Sons, a tradicional ‘Ruta das Estrelas’.
O percorrido deste ano comezou no Dolmen de Dombate e incluíu un traxecto de ida e volta ata o Castro de Borneiro, onde se realizou unha observación guiada da maxia do ceo nocturno cabanés. Sentados nos diferentes recintos do Castro, máis dun centenar de participantes quedaron marabillados coas estrelas fugaces e a guía sobre o firmamento realizada por Jorge Mira.
Nesta edición, marcada pola normativa sanitaria para combater os contaxios por covid-19, realizouse o traxecto entre o Dolmen e Borneiro nunha decena de grupos diferenciados.
Da man de Jorge Mira, as persoas asistentes puideron gozar dunha explicación detallada da posición das constelacións e planetas no firmamento nocturno cabanés. O investigador afondou en cuestións coma a evolución das estrelas, o seu tamaño, a teoría dos buracos negros ou o cambio climático.
A ‘Ruta das Estrelas’ é unha iniciativa que comezou no 2003 e que ano tras ano colleita centenares de observadores de estrelas. A situación sanitaria fixo que as últimas edicións estiveran adaptadas ás normativas para previr os contaxios por covid-19. O denominado como ‘turismo astronómico’ configúrase como unha alternativa de ocio segura e que gaña efectivos con cada ano.