O Concello de Vimianzo estivo presente este xoves no epicentro da economía circular, celebrado no centro náutico do Freixo, no Concello de Outes, para presentar as conclusións das diferentes actividades realizadas no marco do proxecto internacional Food Wave.
Baixo o título ‘Alimentación sostible e cambio climático’, expuxéronse as contribucións da iniciativa ao coidado e respecto do planeta a través dos hábitos alimentarios da xuventude.
A presencia nun novo foro confirma, novamente, o éxito do proxecto, que busca concienciar á mocidade (16 a 35 anos) para modificar o seu comportamento de consumo de alimentos e promover activamente o cambio cara a sistemas alimentarios ecolóxicos e inclusivos, como parte da estratexia para mitigar o cambio climático.
O Concello foi seleccionado ata en dúas convocatorias, nas que se desenvolveron obradoiros de aproveitamento alimentario, un xardín de viandas, unha guía para a organización de festivais sostibles e identificación de boas prácticas neste sentido.