A segunda edición do programa de andainas “Coñece o teu Concello” está a ser un novo éxito de participación. Entre a primeira (río Anllóns) e a segunda (costa de Caión) contouse cun centenar de asistentes.
Agora o prazo está aberto para a terceira das rutas, que terá lugar este domingo pola mañá. Percorrerase o río Acheiro desde Ponte Pereiro ata O Igrexario de Golmar, cubríndose unha distancia duns sete quilómetros neste fermoso entorno fluvial. O roteiro é de dificultade baixa e apto para nenos e adultos.
O Concello da Laracha porá a disposición dos participantes o transporte gratuíto en autobús, con saída da Praza do Concello ás 9:30 horas e regreso ao remate do percorrido.
O obxectivo desta iniciativa é ofrecer á veciñanza a oportunidade de realizar rutas de sendeirismo por diferentes localizacións do termo municipal destacando a beleza natural e as paisaxes tanto do litoral como dos entornos fluviais.
As inscricións son gratuítas e deben formalizarse ben acudindo ao Concello ou chamando ao 981 605 001.