Internet volve facer tremer a entidades financeiras, aerolíneas, comercio en liña e outras empresas. Son as principais afectadas por un novo fallo global da rede este xoves, o segundo en dez días, Foi só ao redor dunha hora de interrupción, pero moitos clientes viron limitada a posibilidade de facer movementos. Ao parecer o erro produciuse nunha provedora de servizos da internet chamada Akamai, con sede en Massachussets, pero volve alertar sobre as poucas empresas que están detrás do correcto funcionamento da internet. As principais afectadas son firmas de Estados Unidos, Canadá, Nova Zelandia e Hong Kong. O apagamento da semana anterior afectou principalmente a medios de comunicación e plataformas como Amazon ou Twitch.