Novo achado da Garda Civil de restos humanos en Mazaricos

1 minutes read

Novos restos humanos apareceron nas últimas horas en Mazaricos, na mesma zona en que hai mes e medio se localizara o cranio de Antonio Tuñas, un veciño desaparecido en decembro de 2022. Durante os labores para tentar esclarecer que lle ocorreu a Tuñas, o dispositivo de procura activado na mesma zona, con participación de Protección Civil e a Garda Civil con cans do Servizo Cinolóxico, atopou máis ósos humanos en catro bolsas de plástico e pezas de roupa nunha quinta. Os ósos apareceron ao pé da estrada DP-3404, na mesma zona onde xa atoparan distintas bolsas con restos. Neste último achado localizaron primeiro un óso, presuntamente un fémur, que tiña implantada unha prótese metálica.

Agora a Unidade da Policía Xudicial traballa para determinar se hai algunha vinculación entre os achados dos distintos restos humanos. En concreto, a Garda Civil investiga se ambos os sucesos pódense atribuír a Pandolo, un veciño de Mazaricos con antecedentes e que gozaba dun permiso penal cando Antonio Tuñas desapareceu.

Así, tamén se lle vincularía co caso de Javier Iglesias Otero, un home de 50 anos que residía en Culleredo e que desapareceu en maio deste ano. No seu domicilio, na zona de Orro, acháronse restos de sangue. Sobre o caso de Mazaricos e a súa atribución a Pandolo foi preguntado o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen ratificaba que a investigación seguía aberta e non se descartaba “ningunha hipótese”, tampouco a vinculación con outros sucesos similares. A Policía Xudicial da Garda Civil segue buscando pistas na zona. Tanto as bolsas que apareceron diseminadas con restos coma estes ósos que atoparon entre a vexetación foron localizados nunha área duns tres quilómetros ao pé desta estrada.