A proposta arquitectónica do Novo CHUAC aposta por aproveitar a topografía do terreo e opta por unha estrutura de peite con 4 bloques, ademais do edificio de investigación. Todos os elementos terán volumes de proporcións semellantes e un deseño coherente, que darán continuidade ao actual hospital xerando unha imaxe de conxunto.
As novas edificacións seguirán a pendente existente na zona, o que permitirá potenciar o maior valor paisaxístico, que son as vistas á ría do Burgo que se poderá contemplar desde as edificacións e os distintos patios que conformarán o novo complexo sanitario.
Todos estes criterios, xunto coa inclusión de vexetación tanto nas cubertas como nos lindes, danlle un carácter singular á edificación e favorecerán a súa integración na contorna, minimizando o impacto ambiental e paisaxístico.
A disposición recollida no plan de interese autonómico, actualmente en fase de información pública para a súa tramitación ambiental estratéxica, procura o benestar e a eficiencia enerxética.
A orientación das fachadas dos distintos bloques ao leste e oeste favorece o illamento, especialmente das habitacións das unidades hospitalarias, e permite que todas as estancias reciban luz solar directa nalgún momento do día. Isto, xunto coa creación dun sistema de patios abertos ao sur, permite un mellor aproveitamento da luz natural no interior. Ademais, as fachadas contarán con lamas verticais que protexerán do incremento térmico no verán.
A proposta arquitectónica, seguindo criterios bioclimáticos, prevé un alto illamento térmico en fachadas e cubertas, así como a implantación de sistemas de iluminación de baixo consumo e dispositivos de aforro.
Tamén se tratará de promover as enerxías renovables, para minimizar o consumo externo, prevendo a posibilidade de implantar instalacións de produción de electricidade ou calor alternativas e eficientes. Todo isto vai permitir reducir as necesidades enerxéticas da instalación e, polo tanto, presentará un consumo inferior en relación aos servizos prestados.