Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

O Concello vén de presentar un novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Avenida Fisterra da Laracha, en pleno corazón da capital municipal. A iniciativa, financiada integramente polo Concello, promoveuse co obxectivo de embelecer o espazo público a través da arte urbana e de reforzar a identidade local mediante obras que poñan en valor tanto a historia como a xente do municipio.

Este novo traballo forma parte da prestixiosa serie Fenómenas do rural, coa que Yoseba MP leva anos homenaxeando ás mulleres galegas das aldeas. Nela combina o realismo coa estética da ciencia ficción, transformando ás protagonistas en superheroínas do cotiá, mulleres que, coa súa forza e sabedoría, foron e son fundamentais para o desenvolvemento social e a conservación da memoria colectiva.

Neste novo mural da Laracha a homenaxe recae en María Sánchez Tuset, coñecida como María da Orraca, veciña desa aldea da parroquia de Soandres. O artista coñeceu a súa historia buscando modelos para un mural que pretendía facer noutra localidade, e quedou fascinado pola súa enerxía, habilidade para o traballo, memoria prodixiosa e paixón por documentar a súa vida persoal, familiar e do rural en xeral. Ela é autora do libro Recordos de María da Orraca, no que recompila lembranzas familiares, costumes do seu pobo e o proceso de transformación da súa vivenda ao longo das décadas.

“María ten unha relación coa memoria e coa súa historia persoal moi especial”, explica Yoseba MP. “Coñecela foi impresionante. É unha muller que segue activa, que conserva unha lucidez envexable e unha conexión co pasado que nos ensina moito sobre quen somos”.

O mural plasma esa idea da memoria como superpoder, inspirándose nunha anécdota real que María lle contou ao artista: cando unha ovella súa pariu cinco cordeiros, ela tivo que trasladalos levando algúns nos petos do mandil. A partir desa imaxe, Yoseba decidiu outorgarlle o “superpoder dos cordeiros”, simbolizando a capacidade de coidar, lembrar e preservar. A firma do mural inclúe unha referencia explícita ao libro de María.

María, que naceu en Golán e trasladouse á Orraca ao casar en 1960, asistiu á presentación acompañada dos seus oito fillos. “É un luxo grande ter este mural porque eu son unha persoa moi normal”, confesou. Agradeceu o traballo do artista e o apoio do Concello: “Chamoume moita xente para felicitarme e todos me dixeron que lles gustou moito”.

Na presentación participaron tamén o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, xunto a Yoseba MP. O acto simbolizou o recoñecemento institucional e veciñal ao valor das mulleres do rural.

Este mural súmase á intervención que este mesmo artista realizou o ano pasado na Avenida da Laracha de Caión, tamén dentro da serie Fenómenas do rural, titulado Josefa e Maruja. O alcalde explicou que o Concello continuará apostando por este formato para embelecer espazos públicos, como xa se fixo en varios puntos da vila da Caión e tamén na Laracha xunto á zona deportiva situada a carón do IES Agra de Leborís.

Related posts

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño

O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión

O pavillón de Baio e as súas instalacións, pechan por obras na cuberta do 27 de outubro ao 5 de novembro