Novo Obradoiro. Licenza para soñar

4 minutes read

Se o mítico axente, James Bond, tiña no dobre cero do seu famosísimo número 007, licenza para matar, o único representante galego na liga ACB, a segunda liga máis potente e dura do mundo, tras a NBA, ten na súa O, de Obradoiro CAB, licenza para soñar.

O equipo compostelán inicia unha nova campaña na máxima categoría do baloncesto español, a súa novena consecutiva, plena de ilusión e con ganas de superarse. E, aínda que o obxectivo primordial é a permanencia, segundo vaia avanzando o calendario, se o equipo vaise axustando e funciona, entrar na Copa do Rey ou no play off polo título, como na tempada 2012-2013, podería verse como algo factible. Por suposto sempre, partido a partido, sen perder a perspectiva de permanecer outro ano máis en ACB, como meta clara e fundamental.

Tras un pasado final de liga durísimo, onde consolidou a súa permanencia na última xornada do Campionato, a confección do novo persoal presentábase moi complicada. Oito xogadores abandonaban a disciplina do club do Multiusos Fontes do Sar: Sabat, Obst, Llovet, Hlinasson, Laksa, Simmons, Singler, e o testemuñal e cedido para as últimas xornadas, Costa. Tocaba remangarse e poñer ao choio (nunca mellor dito) e tanto o director xeral José Luis Mateo, como o adestrador Moncho Fernández e o seu equipo técnico, facíano sen titubeos. A garra e o corazón de Llovet, os triplos de Simmons e Obst, a capacidade de botarse o equipo ás costas de Singler, etc, constituían unha tarefa ardua complicada.

O persoal seguía contando con Vladimir Brodziansky, Maxime De Zeew, Kostas Vasileadis, Nick Spires, David Navarro e Pepe Pozas, quen confirmaba a súa continuidade. Un bo punto de partida pero necesitado de reforzos, bos e numerosos. A primeira fichaxe sería Earl Calloway, un base de 1,91 cm e 35 anos. A tempada pasada xogou na liga turca no Afyonkarahisar Belediyespor. Nacido en USA, pero internacional con Bulgaria. Xogou en varias ligas e entre elas, na ACB, tanto en Cajasol como en Unicaja Málaga, polo que é un perfecto coñecedor da nosa máxima competición. Achega experiencia, capacidade de dirección e anotación. Xogador de xerarquía e con boas decisións a ambos os dous lados da cancha.

Pouco despois chegaba Álvaro Muñoz, á-pivote de 1,97 cm e 28 anos. Procede do Manresa Vén como xogador nacional importante, nunha aposta a longo prazo. Gran achega nos intanxibles do basket, é un xogador de equipo, comprometido e loitador. O internacional sueco Chris Czerapowicz, do Nizhny Novgorod ruso, era o seguinte en estampar a súa firma co Obra. 2,01 cm e 27 anos. Beirado alto, destaca no tiro de tres, pode axudar no rebote e xogar puntualmente de 4. Vén en plena madurez deportiva. A continuación, Fletcher Magee, escolta americano de 1,91 cm e 22 anos abría a veda dos mozos. Especialista consumado no lanzamento de tres puntos. Anotou 158 en 35 partidos na súa última campaña. Unido isto ao feito nas 2 campañas anteriores, faille ser o posuidor do record de triplos anotados na historia da NCAA. Máis tarde, chegaba a quenda de Deixan Kravic, Serbio, nacido en Bosnia e con pasaporte canadense. Xogador de 28 anos, moi alto, con 2,11 cm. Gañou o ano pasado a FIBA Champions League coa Virtus de Bolonia. É un 5 experto e efectivo, áxil e con envergadura. Capacidade de bote e de resolver con ambas as mans preto do aro. Enérxico e coñecedor do xogo. Será importante o seu rol en defensa. Para rematar, a guinda do pastel, na persoa de Mike Daum. Americano, de 2,06 cm e 23 anos, procedente da Universidade de South Dakota.

Notable capacidade anotadora tanto no poste baixo como no lanzamento exterior. Polivalente e gañador da súa conferencia, a Summit League, en 2016, 2017 e 2018, sendo MVP os 3 anos e elixido xogador do ano no 2017, 2018 e 2019. Aínda que notará a esixencia física da liga Endesa, irá preparándose para a dura e bela tempada que se presenta. Ademais, ten como meta na súa carreira, o chegar á NBA, sen présas nin prazos. Con este cadro de persoal, o Obra considera pechada o persoal para a tempada 2019-2020, a condición de que non xurdan imprevistos de última hora ou apareza unha oportunidade irrenunciable. A tempada preséntase pois, apaixonante…co sempiterno miudiño e o clamor do Forza Obra.

ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO