A gobernabilidade do Concello de Malpica está cada vez máis a piques de achegarse ao cambio de siglas e de cor política cando estamos practicamente no ecuador da lexislatura. A cuestión era máis que previsible tras a renuncia do edil non adscrito, Alfredo Cañizo, a seguir formando parte do goberno tripartito acordado tras a cita electoral de maio de 2019 co PSOE e o BNG.
Segundo fontes consultadas por este medio, e que de momento prefiren manterse no anonimato, este xoves foi presentada a moción de censura coa previsión de acordo entre o Partido Popular e o fundador de AIM, ex de Ciudadanos, Alfredo Cañizo Garrido. Agora, tras o correspondente prazo legal, comunicarase a data do pleno de debate da moción, posiblemente para principios xa do mes de setembro. O provable é que o ex alcalde Eduardo Parga tome de novo o bastón de mando co apoio de Cañizo, en poucos días sairemos de dúbidas.
A dirección provincial do partido socialista na provincia da Coruña pronunciouse respecto diso e denuncia a “incoherencia” e “oportunismo político” dun PP que nestes dous anos “só se dedicou a obstaculizar e criticar a xestión do Goberno municipal sen ofrecer nin unha proposta en positivo para o pobo”.