O novo plan de choque en dependencia que poñerá en marcha a Xunta incluirá, entre outras cousas, medidas para axilizar e facilitar o traballo dos profesionais públicos que valoran a dependencia. Crearanse novos centros de valoración; contarase con equipos de valoración itinerantes, que acudirán aos territorios onde haxa máis lista de espera e aos domicilios das persoas que non poidan ir por elas mesmas aos servicios sociais; optimizaranse as rutas que seguen os valoradores a domicilio; mellorarase o modelo de xestión de citas; e poñeranse en marcha novos equipos de valoración.
Ademais, redefinirase o concepto de PIA, para facelo máis completo e duradeiro. Traerá aparellado, automaticamente, unha prestación económica pública, e incluirá opcións alternativas ao servizo preferido pola persoa dependente, mentres non hai praza na súa opción prioritaria.
Esta iniciativa inclúe outras novidades como: facilidades para xustificar os pagos dos bonos de residencia, centro de día, axuda no fogar ou asistente persoal; reducir o papeleo para percibir a axuda por coidador na contorna familiar; e universalizar o uso da Historia Social Única Electrónica para a comunicación entre os servizos sociais autonómicos, os municipais e os servizos sanitarios. Por último, realizarase unha campaña didáctica sobre o proceso de solicitude da dependencia, para que todos os galegos poidan telo claro de xeito sinxelo.