Novo plan de mellora da rede viaria no rural de Muxía por 134.000 euros

Cedida

  • O equipo de goberno proporá no pleno deste xoves intervencións en Frixe e na vía que une Senande con Trasufre

O goberno local de Muxía levará ao pleno deste xoves un plan para mellorar a rede viaria e os camiños interiores no rural da localidade. Este proxecto contempla dúas intervencións valoradas en máis de 134.000 euros que serán financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.

A primeira delas conectará Senande con Trasufre, superando os 41.000 euros de orzamento; mentres que a segunda obra, cun presuposto que ronda os 93.000 euros, contempla a realización de camiños interiores en Frixe combinando pedra e formigón, ademais da instalación de saneamento e augas pluviais. Estas obras continuarían as actuacións iniciadas hai poucas semanas no mesmo lugar facendo máis accesible o espazo de circulación coa creación dunha vía interior.

Desde o executivo destacan o “firme compromiso co rural” e en especial co lugar de Frixe, xa que nun futuro “se quere ir incluíndo diferentes propostas ata deixar o núcleo completo listo e acondicionado”.