Novo Plan Estratéxico de actividades para a Cidade da Cultura


Esta nova folla de ruta, presentada no Edificio Fontán ante representantes do sector cultural e de traballadores das institucións residentes na Cidade da Cultura, define a dirección a seguir polo Gaiás nunha fase marcada polo remate dos grandes proxectos construtivos e protagonizada pola expansión da actividade.

Proba disto é que a nova estratexia prevé que se desenvolvan 5.000 eventos e actividades culturais ata o ano 2027. En canto o número de participantes nestas actividades, o obxectivo é que en 2027 sexan un 43% máis que este ano e, no caso dos eventos organizados por empresas, institucións ou colectivos sociais nos espazos do Gaiás, que medren ata duplicarse –de 286 a 520 cada ano-.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, destacou que o obxectivo é multiplicar o impacto positivo do Gaiás na sociedade e ampliar o seu alcance. Así, precisou que o plan fixa como unha das súas metas principais chegar a 2027 practicamente duplicando o valor social que xera a Cidade da Cultura.

Entre as principais novidades, o responsable de Cultura do Goberno galego avanzou que a Xunta está decidida a transformar o Gaiás nunha “factoría de contidos”, un espazo que vaia máis alá da exhibición e que impulse programas de apoio a creación e habilite espazos para que os creadores e creadoras desenvolvan fisicamente neste equipamento as súas propostas.