Novo proceso selectivo para cubrir 78 prazas de Policía Local en 15 concellos


Trátase dunha nova oposición unificada da Xunta a través da AGASP que o ano pasado permitiu cubrir 70 vacantes nunha trintena de municipios.

O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

Esta convocatoria diferencia entre prazas por oposición libre (60) e por mobilidade (18), destinadas estas últimas aos policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso e de conformidade cun baremo de méritos.

A oposición contará con 5 exercicios: un test de coñecemento sobre o temario publicado, proba de coñecementos do idioma galego salvo para as persoas que estean exentas, probas físicas, psicotécnicas e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na AGASP, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia.

Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades son A Coruña, Brión, Carballo, Malpica de Bergantiños, Noia, Oroso, Outes, Sada, Ordes, na provincia da Coruña; xunto cos municipios pontevedreses de Caldas de Reis, A Guarda,  Marín e Vigo e os lucenses de Ribadeo e Guitiriz.