- As actividades serán gratuítas e os participantes deberán inscribirse na web municipal
O Concello da Laracha volve a poñer en marcha varias andainas dirixidas a todos os públicos e de xeito gratuíto. A través do proxecto A Laracha Activa realizaranse tres rutas de dificultade media-alta. A primeira será O sentir de Soandres (domingo, 24 de outubro), unha andaina de case 16 quilómetros de distancia que parte desde o mosteiro de San Pedro. Os participantes poderán coñecer a riqueza arqueolóxica da parroquia visitando o dolmen do Forno dos Mouros, a Pedra da Cabirta, as mámoas de Silvoso e do coto de Altamira e diferentes penedos graníticos de gran tamaño.
A seguinte parada é a da Ruta de Caión: Porta da Costa da Morte (domingo, 31 de outubro). Esta é máis curta, con 12 quilómetros, e nela percorreranse os antigos camiños de peregrinación desde a Praza do Concello ata o Santuario de Nosa Señora dos Milagres, rematando na praza Eduardo Vila Fano de Caión.
Por último desenvolverase unha adaptación da ruta 360º Á Laracha (domingo 28 de novembro) duns 10 quilómetros desde a capital municipal ata o miradoiro de Santa Marta.
O Concello habilita este xoves un formulario na web municipal para realizar as inscricións, e tamén poñerá a disposición dos participantes o transporte en autobús ata A Laracha para regresar tras rematar cada ruta e para acudir ao punto de partida na primeira delas, que é a única que non comeza na capital municipal.