Novo récord de doazón de órganos en Galicia

xunta.gal_ foto xoán crespo 10/01/2020

  • Na comunidade rexistráronse 136 doadores de órganos no pasado exercicio, a cifra máis elevada da súa historia

O Servizo Galego de Saúde acadou no pasado ano 2019 unha cifra récord de 136 doazóns de órganos e mantivo en 354 a cifra de transplantes de órganos nos seus hospitais, os datos máis elevados desde que se iniciou a actividade transplantatoria en Galicia. Así mesmo, resulta especialmente salientable o feito de que a taxa de negativas familiares á doazón situouse nun 13,4%, un mínimo histórico.

Do total de transplantes, 176 foron de ril; dos cales 36 procedían de doante vivo, 115 de fígado, 2 de páncreas, 20 de corazón e 41 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2019, xa se levan feitos en Galicia un total de 8.295 transplantes de órganos.

O número de doadores de órganos cadáver en Galicia se situou en 136 (83 na provincia da Coruña, 10 na de Lugo, 2 na de Ourense e 41 na de Pontevedra); dato co que se rexistra o mellor ano en número de doantes nun exercicio, o que supón que haxa 50,6 doantes por millón de habitantes.

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (73%), sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 2%. Con respecto á idade media do doador, foi de 62,7 anos.

Actualmente en Galicia 115.822 persoas teñen tarxeta de doador. Destas, 4.257 son novas tarxetas realizadas no 2019 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS en colaboración coas asociacións de pacientes.

Polo que se refire á doazón de medula ósea, a comunidade galega acadou o obxectivo establecido polo Plan Nacional de Medula Ósea, rexistrando 1.378 novos doadores.