Novo revés político ao alcalde de Ponteceso por un audio anónimo

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido

  • Na gravación, que foi enviada a un veciño de Ponteceso por correo, escóitase ao rexedor intentando xustificar varios gastos

Un novo audio anónimo volve a poñer ao goberno local de Ponteceso na portada de varios medios de comunicación locais. Desta volta trátase dunha gravación que presenta varios cortes, e na que presuntamente o alcalde, Lois García Carballido, intenta xustificar certos gastos: “Se non é tícket é unha factura feita a man; vou a tal restaurante ou a tal sitio de confianza e dígolle: mira, faime estas facturas destos gastos por estes dispositivos”.

Este audio chegou a través dun pendrive e nun sobre á casa dun veciño do Concello de Ponteceso este pasado venres. Unha situación semellante á que tamén viviron os concelleiros non adscritos Faustino Santiago, Salvador Eiroa e Ana Pérez semanas atrás.

Sen dúbida, a gravación será posta para debate no pleno pontecesán, onde a oposición agardará aclaracións por parte do rexedor.

Audio onde, presuntamente, Lois García Carballido intenta xustificar certos gastos. Cedido