Novo servizo de formación online sobre o sistema de xestión das bibliotecas

Imaxe de arquivo_PIXABAY

A Xunta vén de poñer a disposición dos profesionais das bibliotecas galegas un servizo de formación online no uso do Sistema de Xestión Bibliotecaria Koha, coa intención de que poidan recibir a información de xeito autónomo a través de máis de 30 videotitoriais e material complementario para orientar o seu proceso de aprendizaxe e resolver dúbidas.

Os videotitoriais, de acceso gratuíto, están dispoñibles na web da Rede de Bibliotecas de Galicia e poderán acceder a ela as bibliotecas que contan con este Sistema, que ascenden a preto de 300 en toda Galicia. Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia continúa afondando na profesionalización e calidade das bibliotecas públicas. Este sistema de Xestión Bibliotecaria foi implantado en 2016 pola Consellería de Cultura Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Está baseado nun software libre de código aberto da plataforma Koha, que permitiu migrar os sistemas anteriores de xestión e integralos nun sistema de catálogo único de colección e de usuarios que teñen tamén un carné único válido para todas as bibliotecas públicas da rede que permite a unificación dos servizos.

Ademais, o catálogo colectivo da rede incorpora outro tipo de bibliotecas especializadas tales como a Biblioteca de Galicia, bibliotecas de museos e arquivos e de institucións de especial interese para Galicia como as bibliotecas de fundacións a da Real Academia Galega. Así, a día de hoxe empregan este sistema as seis bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería de Cultura, 251 bibliotecas e axencias de lectura pública municipal e 22 bibliotecas especializadas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha