O Diario Oficial de Galicia (DOG) do 10 de xullo de 2020 publicou a Orde pola que se convocaba o proceso selectivo para o acceso e ingreso nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de Policía, quendas de acceso libre e concurso. Un mes despois publicouse a resolución da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, referente á convocatoria de prazas de Policía Local en distintos concellos, polo que quedou aberto o prazo de presentación de solicitudes para 73 prazas de acceso libre e 18 de concurso.
O número de prazas sufriu unha leve modificación a prol dunha Resolución do 5 de xaneiro de 2021, polo que na Costa da Morte a este proceso o concello de Fisterra presentou unha solicitude e o de Carballo dúas.
Unha vez aprobadas as probas de acceso por parte dos aspirantes, a Dirección xeral da Academia Galega de Seguridade Pública ditou unha resolución de convocatoria á elección de praza do proceso selectivo para o acceso e ingreso nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de Policía, quenda de acceso libre, acto que tivo lugar no salón de actos da AGASP este venres 21 de maio ás 16:00 horas.
Neste caso a Fisterra irá destinado un axente e a Carballo dous. Ambos dispoñen ata o día 28 para presentarse ante estes respectivos concellos para ser nomeados como funcionarios en prácticas. Carballo tamén contará en breve con dous novos oficiais da Policía Local, que esta pasada semana superaron con nota ás probas de acceso a esta escala dentro do Corpo.