Novos cursos de manexo do teléfono móbil para maiores en Carballo

1 minutes read

O Concello de Carballo volve a contar coa Cruz Vermella para achegar ás persoas participantes os coñecementos básicos sobre o funcionamento dos dispositivos e as aplicacións que lles poden resultar de máis utilidade no seu día a día, como enviar unha fotografía a un familiar ou pedir unha cita para o médico sen necesidade de chamar ou achegarse ata o centro de saúde.

Como en todas as edicións anteriores, os grupos son reducidos para conseguir un mellor aproveitamento das sesións, e con esa mesma finalidade amplíase un día a duración dos obradoiros, de xeito que, en total, constarán de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha (martes e mércores, de 16.00 a 18.00 horas).

As persoas interesadas en participar poden anotarse a través das asociacións de cada parroquia e/ou dos consellos parroquiais, na Biblioteca Rego da Balsa ou enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.