Novos percorridos para o Trail de Lousame 2022

teresa alcaldesa lousame

A alcaldesa agradeceu a colaboración de todas as persoas, empresas e entidades que fan posible este evento multideportivo e animou a participar na campaña solidaria coa Obra Social de Pediatría do CHUS. No novo percorrido está incluído un treito por un novo sendeiro pola beira esquerda do río San Xusto.

Unha actividade integradora, adaptada ao noso territorio e froito do traballo e a colaboración de moitas persoas dos distintos departamentos municipais, do voluntariado de Lousame e das empresas que nos patrocinan”, deste xeito describiu a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, o evento multideporte que terá lugar no municipio o vindeiro mes de novembro. Unha tripla convocatoria para as que xa están abertas as inscricións na web www.emesports.es: Pequetrail (sábado 3 de decembro), Trail de Lousame 2022 (domingo 11 de decembro) e Andaina Solidaria / Belén de Cumes (sábado 17 de decembro) e que hoxe foi presentada no salón de actos da Casa da Cultura lousamiá.

Tras desexar que o tempo acompañe, Villaverde País fixo un chamamento á participación en todas as probas, facendo fincapé no aspecto solidario que teñen as tres xa que durante a inscrición permiten doar 1 euro a prol da Obra Social de Pediatría do CHUS. “É só un café menos, pero achegar ese euro fará moito ben á investigación e ás actividades deses rapaces beneficiarios da Obra Social de Pediatría do CHUS e que precisan da nosa axuda”, apuntou a alcaldesa.