A Xunta inicia este martes novos traballos de limpeza nas marxes da autovía de Ferrol-Vilaba (AG-64), ao seu paso polo lugar de Vilallonte, no concello de Narón.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, renovou o pasado mes de xuño o contrato de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, contribúen a eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como os xabarís.
Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
