Na protesta, coordinada polo colectivo ‘Stop Biogás A Laracha’, participaron diferentes representantes políticos dos municipios afectados, entre eles o alcalde de Culleredo, o coordinador comarcal e a voceira socialista da Laracha, ademais doutros representantes das vilas afectadas. Tamén estivo presente Aitor Bouza, deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento Galego.
A delegación de Carballo estivo encabezada polo alcalde e contou cunha ampla representación do grupo de goberno, que se uniron ao clamor unánime contra unha instalación que pon en risco o modelo de vida da zona e o medio ambiente.
A manifestación arrincaba ás 12.00 horas desde a praza Les Sables d’Olonne, transcurría polo casco urbán e finalizaba na Praza do Concello, donde representantes do colectivo veciñal lían un manifesto. Todos coincidían en afirmar que este proxecto é un atentado contra o medio ambiente e contra á forma de vida dos veciños da Laracha que non van ver ningún beneficio con esta nova planta de biogás.
Este polémico proxecto, que está en fase de alegacións, conta xa co posicionamento en contra do propio Concello, dos grupos políticos, da Deputación da Coruña e dos concellos limítrofes que, xunto coa veciñanza, están preocupados polas consecuencias medioambientais dos vertidos de residuos líquidos ao río Anllóns así como a posible contaminación do aire que respiramos.
Algunhas fontes afirman que poderían ser en cantidade equivalente a 2.000 camións cisterna cada ano. Polo impacto que iso tería nos hábitats do río e na propia poboación que capta auga do río para o seu consumo a veciñanza reclama con toda a súa forza que a planta de biogás non se instale en Soandres.
Ademais de continuar as reivindicacións e accións legais contra o proxecto, a Plataforma Stop Biogás A Laracha segue a realizar actividades de información á veciñanza: este propio domingo ás 12:00h no Casino de Carballo, terá lugar unha nova charla informativa con expertos, na que participarán Laura Barral, bióloga do CICA da UDC, Evaristo Domínguez do Instituto de Estudos Bergantiñáns e Vanessa Abeleira, enxeñeira civil.