- Segundo un estudo realizado en Francia, esta etiqueta lograría reducir a mortalidade nun 3,4% cada ano
Son varias as enfermidades cardiovasculares nas que a nutrición xoga un papel protagonista, polo que un grupo de eurodeputados quere poñer a proba a “nutri- score”, unha etiqueta que permitirá identificar ata que punto é san e/ou equilibrado un produto.
A etiqueta forma parte dunha iniciativa cidadá e está deseñada por unha escala de cinco cores e letras que se corresponden cun nivel. A letra “A” impresa na cor verde, significaría que o produto é o máis san.
Segundo declaracións de Monique Goyens, da Organización Europea de Consumidores, a Euronews, propoñer a introdución dun sistema de puntuación nutricional sería “bo para a competencia, o mercado interior e os consumidores”.
Para os defesores da iniciativa, é ademais unha cuestión de saúde pública fronte ao problema do sobrepeso e a obesidade.
“Segundo un estudo realizado en Francia, se se impón en todos os produtos, reduciríase a mortalidade nun 3,4% cada ano, o que significa que habería 7.500 mortes menos por enfermidades crónicas nas que a nutrición xoga un papel”, explica para Euronews Serge Hercberg, Profesor de Nutrición da Facultade de Medicina de París.
Algúns países da Unión Europea xa adoptaron sistemas parecidos nos seus supermercados.