A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, reitera, un ano máis, o seu chamamento á precaución nos desprazamentos polas estradas ante o comezo este 2 de xullo, da Operación Saída, na que se estima un aumento da afluencia de vehículos por coincidir o comezo do mes de xullo co inicio da fin de semana.
Aínda que a Comunidade galega, con 70 falecidos en accidentes de tráfico no ano 2020, rexistrou o ano pasado a cifra máis baixa de decesos por sinistros nas estradas desde que se contabilizan estes datos, relaciónase este descenso coas restricións de mobilidade decretadas por mor da pandemia da Covid-19.
Así, cómpre salientar a importancia de extremar as precaucións nos desprazamentos por estradas, xa que os accidentes de tráfico non só provocan falecementos, senón que en moitos casos provocan múltiples lesións que supoñen graves secuelas nas persoas que as sofren. Por iso, desde o servizo público galego de atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias aconséllase ter en conta as seguintes medidas, no caso de que vostede vaia a utilizar un vehículo para desprazarse nestas datas nas que o volume de tráfico é maior.