O 061 asistiu 50 persoas por 42 accidentes de tráfico na fin de semana da operación saída


Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana da Operación Saída 50 persoas debido a 42 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 1 de xullo, ata as 23,59 horas do domingo, 3 de xullo. O venres foi o día que rexistrou máis sinistros, con 19 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 51 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 42 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 50 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 67% e do 33%, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 28% dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron as que máis sinistros rexistraron con 17 accidentes de tráfico ambas as dúas durante os desprazamentos destas datas.

ProvinciaAccidentes
A Coruña17
Lugo2
Ourense6
Pontevedra17
Galicia42

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 60. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en nove accidentes, o helicóptero medicalizado mobilizouse en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 44 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.

En 43 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.