Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 50 persoas debido a 37 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 22 de febreiro ata as 23,59 horas do domingo, 24 de febreiro. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo con 17 accidentes.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 45 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 37 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 50 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 55 % e do 45 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 25,5 % dos atendidos tiña entre os 55 e os 69 anos.
Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 16 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 53. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en tres accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 44 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.
En 40 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en sete ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e tres persoas resultaron falecidas no punto.