O 061 de Galicia asistiu a 80 persoas por 59 accidentes de circulación durante a fin de semana

061 Galicia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 80 persoas debido a 59 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 11 de xuño, ata as 23,59 horas do domingo, 13 de xuño. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 24 sinistros.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 80 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 59 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 80 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 60% e do 40% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 49% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.
Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 24 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 74. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en doce accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 50 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 11 accidentes.

En 64 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 14 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas faleceron no punto.