O 061 de Galicia celebra a XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia

061 Galicia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 celebra este martes pola tarde a XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia dedicada á xestión global de incidentes de múltiples vítimas. O acto será inaugurado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, e o presidente da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias-Galicia, José Manuel Fandiño Orgeira.

A xornada, que terá lugar no salón de actos da Consellería de Sanidade, estará estruturada en torno a dúas mesas redondas nas que se tratará sobre os sistemas de triaxe e a evolución na planificación e xestión de incidentes de múltiples vítimas na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O obxectivo fundamental da XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia é a actualización na xestión integral dos incidentes de múltiples vítimas e catástrofes. Nestas situacións, que se caracterizan por unha desproporción entre o número de vítimas e recursos nun primeiro momento, resulta fundamental a actuación coordinada e protocolizada dos diferentes corpos de emerxencias que deben levar a cabo unha serie de actuacións para diminuír a mortalidade, previr as secuelas e restaurar a situación previa ao incidente en condicións de seguridade. Para conseguilo é necesaria a clasificación axeitada das vítimas, a integración xeral dos plans de emerxencia e o seguimento ordenado das instrucións deseñadas para tal fin.