O 061 pide precaución ante o aumento de desprazamentos nas festividades do Nadal

061 Galicia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma galega reitera, un ano máis, o seu chamamento aos condutores e aos peóns para que extremen as precaucións nas estradas durante os vindeiros días de festividade.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda, ante a previsión dun maior número de desprazamentos, aumentar as medidas de prevención e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.

A velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente a ter en conta polos condutores. É importante que os mesmos se manteñan en condicións óptimas ante os problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso. Ademais, débese evitar o consumo de alcohol porque os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de producirse, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.

Cómpre lembrar aos peóns a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas, xa que as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.

Nas festividades do ano pasado, desde o 24 de decembro de 2019 ata o 6 de xaneiro de 2020, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 312 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 248 asistencias. Nelas atendeuse a 324 persoas, das que catro faleceron no punto do incidente

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha