A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma galega reitera, un ano máis, o seu chamamento aos condutores e aos peóns para que extremen as precaucións nas estradas durante os vindeiros días de festividade.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda, ante a previsión dun maior número de desprazamentos, aumentar as medidas de prevención e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.
A velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente a ter en conta polos condutores. É importante que os mesmos se manteñan en condicións óptimas ante os problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso. Ademais, débese evitar o consumo de alcohol porque os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de producirse, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.
Cómpre lembrar aos peóns a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas, xa que as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.