A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade Autónoma galega sexa axeitada durante as datas de Nadal.
Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza o servizo habitual segundo as análises de incremento de chamadas nestas datas para axilizar a consulta médica e optimizar a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención das emerxencias que puideran xurdir.
Isto supón que estes vindeiros días haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22 a 8 horas) as noites do 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, así como nas quendas de mañá e tarde dos días 24, 25 e 31 de decembro e dos días 1, 5, 6, 7 e 8 de xaneiro. Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo reforzarase cun teleoperador máis na quenda da noite do 24 de decembro e con dous na noite do 31 de decembro.