O 061 reitera extremar as precaucións nos desprazamentos por estrada nestas festas

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, reitera, un ano máis, o seu chamamento aos condutores e aos peóns para que extremen as precaucións nas estradas durante os vindeiros días de festividade.

Ante a previsión dun maior número de desprazamentos, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda aos condutores aumentar as medidas de prevención e lembra a obrigatoriedade e conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras de retención infantil. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.

Outro dos factores que intervén nun accidente, a ter en conta polos condutores, é a velocidade. Por isto, resulta importante que as persoas ao volante se manteñan en condicións óptimas polos problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso. Ademais, débese evitar o consumo de alcohol porque os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de producírense, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.

Por outra banda, no caso dos peóns cómpre lembrar a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas, xa que as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha