Os Polos creativos están deseñados como lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Teñen un deseño modular e innovador e contan con equipamento especializado e organizados didacticamente para fomentar a creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo.
As actividades que se desenvolven neles abordan aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.
O obxectivo desta novidosa acción, que comezou neste curso coa implantación de 225 Polos creativos e un investimento de 8 millóns de euros, e que agora se completa para todos os centros, é o de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras que contribúan a consolidar Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público.
A acción enmárcase na folla de ruta da Estratexia galega de educación dixital e do Plan de nova arquitectura pedagóxica.