O 112 alertou en dez minutos de dúas incidencias e un accidente grave en Coristanco

1 minutes read

Tarde movida a deste día de San Xoán para os servizos de emerxencia preto da capital de Bergantiños. arredor das cinco da tarde sucederon tres incidencias que necesitaron da intervención dos profesionais de emerxencias en ambos casos. Nun deles unha nena resulttaba levemente ferida cun corte nunha perna tras levar un pequeno golpe nunha das atraccións de feira ubicada no Parque do San Martiño, en Carballo.

Os bombeiros de Carballo tamén foron requeridos na praia de Razo, un particular pasaba aviso dun menor encerrado dentro dun turismo coas chaves no seu interior, unha situación delicada debido ás altas temperaturas alcanzadas no lugar na tarde deste sábado. Por sorte todo quedou nun susto.

O terceiro dos sucesos, e o máis grave, derivou nun accidente de tráfico na estrada DP-1912 que une Rus con Coristanco, á altura do quilómetro catro. Dous turismos, un Volkswagen Transporter e unha Citroën Berlingo, chocaron frontolateralmente cando un deles, presuntamente, trataba de incorporarse á citada vía. Como consecuencia do choque seis persoas quedaron feridas de diferente consideración, entre elas un meniño de corta idade. Unha vez pasada a alerta activouse un dispositivo que mobilizou ao persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ponteceso, voluntarios de Protección Civil de Coristanco, axentes de Atestados e de Tráfico da Garda Civil e persoal do 061 en varias ambulancias. Os feridos foron evacuados de urxencia do lugar. A estrada estivo pechada ao tráfico durante varios minutos.