O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia atendeu máis dun millón de chamadas durante o 2023 (1.042.053), o rexistro máis elevado en sete anos. De feito, supón a interrupción da tendencia á baixa dos últimos exercicios propiciada, entre outros motivos, polo intenso traballo de concienciación da poboación no eido das chamadas maliciosas.
Factores coma a intensidade dos episodios de meteoroloxía adversa e as emerxencias derivadas destes inflúen directamente sobre o número de avisos recibidos no centro. Á súa vez, isto tradúcese nun incremento das incidencias xestionadas, que manteñen unha proporción similar ao ano 2022: unha de cada catro chamadas acaban por converterse en incidencia. Cómpre sinalar que, en moitos dos casos, diversos alertadores contactan para informar dos mesmos feitos.
Os rescates ou operativos de salvamento xestionados no 112 Galicia aumentaron considerablemente: 788, polos 755 do ano 2022. Esta repunta pon sobre a mesa a necesidade de seguir traballando para mellorar os sistemas de localización, nos que xa se lograron avances apoiados polas cifras: en 2023 produciuse un incremento das incidencias nas que se facilitaron as coordenadas (299), con números moi superiores a 2022 (97).
Por un lado, os operativos para rescatar persoas en situación difícil acadan o seu punto álxido durante os meses de verán, sobre todo en xullo (32) e en agosto (43). O mesmo ocorre coa localización de persoas desaparecidas, con xullo como mes destacado (13). Neste sentido, a Axencia Galega de Emerxencias traballa arreo na incorporación de novas tecnoloxías para a busca nestes casos. Desenvolvido especificamente para a Axencia, o proxecto DroneFinder é proba disto: combina intelixencia artificial e o uso de drons para a localización temperá de persoas extraviadas.
O pasado ano, os accidentes e outras incidencias relacionadas coas vías de circulación sumaron a cifra de 54.460, un 20 % das xestionadas no 112 Galicia. Este apartado inclúe tamén, entre outras casuísticas, a caída de árbores e postes de iluminación ou electricidade sobre a calzada, polo que se trata de tipoloxías que se multiplican durante os episodios de meteoroloxía adversa.