O 112 Galicia rexistrou este martes dúas evacuacións desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Imagen del Pesca 1_Fuente: @GardacostasGal

Os equipos de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia ocupáronse de senllas evacuacións, efectuadas desde Cíes e Ons, respectivamente.

Ambos os dous casos estiveron relacionados con situacións accidentais, tales como unha caída ou unha queimadura con leite fervendo.

Así, o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, a bordo do helicóptero Pesca I, recolleu a un octoxenario que sufrira unha caída e lle provocara importantes lesións: golpes en cabeza e brazo e necesidade de sutura. 

Co fin de garantir un traslado seguro e respectuoso co seu estado de saúde, optouse polo emprego dos recursos aéreos, aínda que, tal e como explicaron os profesionais sanitarios, tratábase dunha urxencia médica, mais non dunha emerxencia vital.

Deste xeito, para coordinar o traslado nas condicións óptimas, os xestores do 112 Galicia atenderon as peticións do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e solicitaron o apoio dos rescatadores de Salvamento Marítimo e Servizo de Gardacostas de Galicia. Finalmente, desprazouse o persoal do Pesca I para levar o ferido ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. 

Por outra banda, en Cíes, un menor necesitou asistencia por queimaduras con leite fervendo. Neste caso, a evacuación foi realizada polo persoal de Salvamento Marítimo a bordo da embarcación Salvamar Mirach tras recibir as indicacións do equipo médico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

As dúas situacións rexistráronse no 112 Galicia entre as once e as doce da noite pasada.  

Related posts

AFAGA entrega os premios do seu XI Certame Literario de Relato Curto ‘Nun Recuncho da Memoria’ 2025

O envorco dun coche en Cerceda deixou unha persoa falecida | Tamén falece outra que caeu por un terraplén na Veiga

Un autobús atropelou a catro persoas cando manobraba nas proximidades dunha discoteca en Pontecesures