Desde a medianoite, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias contabilizaba un total de 245 incidencias relacionados cos episodios de meteoroloxía adversa activos na comunidade galega.
En canto ás tipoloxías máis repetidas, os efectos do vento deixáronse sentir nas vías de circulación, causando a presenza de árbores e pólas (112), restos de accidentes (29), cables de luz e teléfono (15) ou carteis e pancartas (10). Tamén se rexistraron anegamentos (7) e incidencias por bolsas de auga (3) no asfalto.
Fóra das estradas, destacaron as actuacións dos servizos de emerxencias en materia de prevención de riscos —como apuntalar muros ou asegurar fachadas de edificios—, con 30 incidencias.
Por outra banda, a da Coruña foi a provincia máis afectada pola meteoroloxía adversa, con 90 xestións realizadas polo 112 Galicia, seguida de Pontevedra (63), Lugo (62) e Ourense (30).
Os concellos con maior número de incidencias foron Pontevedra, con 12; Lugo (8), A Estrada (7); e Arteixo, Begonte, Cambre, A Cañiza, Narón, A Pontenova e Vilalba, todos eles con 5.
Cómpre lembrar que neste momento permanecen activos avisos amarelos por vento na maior parte da comunidade, así como alertas de nivel vermello na costa da Coruña e laranxa no litoral das provincias de Pontevedra e Lugo. Tamén está activo o Plan Inungal.
Sen incidencias de consideración
Durante a xornada non se rexistraron incidencias graves relacionadas coa meteoroloxía adversa.
Destacamos un accidente en Touro causado pola caída dunha árbore sobre un coche que circulaba, sen que houbese que lamentar danos persoais. Ocorreu minutos antes das 14 horas na parroquia de Fao, e desde o 112 Galicia informouse á Garda Civil de Tráfico e aos voluntarios de Protección Civil de Touro.
Desde Cangas, un particular explicou ao fío das 16:30 horas que un raio provocara un lume no cadro eléctrico dun edificio situado na avenida da Constitución. Foi apagado polos propios alertadores cun extintor, e ata o lugar acudiron o GES de Ortigueira e os axentes da Garda Civil, así coma un técnico da empresa eléctrica correspondente.