O 112 Galicia rexistrou máis de 200 incidencias relacionadas coa noite de San Xoán


O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de xestionar máis de 200 incidencias que estiveron relacionadas coa noite de San Xoán. En total, os xestores do CIAE 112 Galicia atenderon 221 incidencias, desde as 20:00 horas do día 23 ata as 08:00 horas do día 24.

As incidencias máis habituais foron as Asistencias Sanitarias (142), os Operativos de Protección Civil (61) e Outros Incendios (18), isto é contedores que resultaron calcinados ou queimas descontroladas.

Por provincias, o persoal do CIAE 112 Galicia xestionou un total de 97 incidencias na Coruña, 86 na de Pontevedra, 20 en Lugo e 18 en Ourense.

En canto as incidencias máis destacadas, cómpre sinalar que unha menor resultou ferida ao alcanzarlle a cara o lume dunha cacharela en Narón. Sucedeu no lugar do Pedroso, pasados uns minutos das 00:00 horas. Desde o CIAE 112 Galicia, nada máis ter coñecemento dos feitos, pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e á Policía Autonómica. Por outra banda, os Bombeiros da Coruña interviñeron para sufocar unha fogueira descontrolada que afectou a uns cables e queimou herba na Praza da Sardiñeira. O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ás 23:55 horas, a través de varios particulares e, acto seguido, solicitouse a intervención dos Bombeiros e da Policía Local.