O episodio de meteoroloxía adversa, con fortes chuvias e ventos, unha alerta laranxa por fenómeno costeiro en todo o litoral galego e o plan INUNGAL activado en fase de preemerxencia, provocou 311 incidencias dende a medianoite do xoves 5 ata as 7 horas deste venres.
A maioría das incidencias (306) concentrouse no día 5. Entrambos días, destacan os problemas como árbores caídas (62 casos), accidentes de tráfico sen feridos (52) e prevención de riscos por parte dos servizos de emerxencias (33). Na madrugada do venres só houbo 5 incidencias menores: dous accidentes sen feridos, unha relacionada coa presenza sinais ou carteis na estrada, un anegamento nunha rúa e unha acción preventiva dos servizos de emerxencias.
Entre os incidentes destacados, todos eles durante o xoves, figuran estradas anegadas en Amoeiro e Crecente, desprendementos de terra e pedras en estradas en Pantón e Navia de Suarna, e inundacións en vivendas de Monforte, Barbadás, Beariz, Ribadavia, Moaña e Silleda, resoltos polos equipos de emerxencias sen maiores complicacións.
Por provincias, Pontevedra foi a máis afectada con 116 casos, seguida de Ourense (78), A Coruña (69) e Lugo (48). Os concellos con máis incidencias foron Vigo (14), A Estrada (11), Ourense (10), Santiago de Compostela (7) e Tui (7).
As autoridades recomendan precaución e informar ao 112 ante calquera risco.