A Xunta adianta ao 24 de xullo o plan de axudas para incentivar a venda de vehículos máis eficientes. Responde así á petición dos concesionarios, que este mércores coñeceron polo miúdo as características deste plan.
O Plan Renove chega nun ano complicado para o sector da automoción en Galicia, onde a venda de coches descendeu un 15 por cento no primeiro semestre. Os concesionarios agardan corrixir a caída, que achacan á incerteza dos usuarios pola transición enerxética.
As axudas poderán solicitarse desde o 24 de xullo. Ata mediados de outubro agardan substituír 2.000 vehículos de máis de 10 anos.
As bonificacións serán de ata 1.500 euros para vehículos que non custen máis de 40.000. Delas faranse cargo a partes iguais a Administración e os concesionarios.