O 25N encheu a Costa da Morte de reivindicacións e solidariedade

Concentración en Ponteceso.

Concellos, asociacións, entidades e particulares encheron a infinidade de actos celebrados por todos os concellos da Costa da Morte para conmemorar o 25N, día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Na Laracha coincidiu coa celebración este día da sesión ordinaria do Pleno. O alcalde leu unha declaración institucional rubricada polos tres grupos municipais na que se condena todo tipo de violencia, mostra o apoio ás vítimas e compromete ao Concello a reforzar, impulsar e divulgar iniciativas dirixidas a favorecer tanto a atención das agredidas como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Ademais, gardouse un minuto de silencio polas mulleres vítimas desta problemática social que no que vai de ano deixou en España 38 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas.

En Carballo, a corporación municipal aprobará na sesión plenaria deste luns 28 de novembro a Declaración institucional contra a violencia de xénero, que tamén conta co apoio de todos os grupos políticos. Unha representación das mulleres que os integran participou neste 25 de novembro na lectura pública do texto, que se levou a cabo na Praza do Concello coa presenza dun cento de persoas.

O Concello de Vimianzo, tomou o ceo para reivindicar unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres. A rapazada das Escolas Infantís de Carnés, Carantoña e Castromil, ademais do alumnado do CEIP Baíñas e do Obradoiro de Emprego, déronse cita no Campo de Fútbol para levar a cabo unha exhibición de papaventos elaborados por elas e eles mesmos.

A concellería de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso organizou unha “Saída Cultural A Coruña Das Mulleres”. Máis de trinta  mulleres animáronse a participar na viaxe na que  a concelleira de Igualdade, Noelia Varela Suárez, deu lectura ao manifesto institucional polo Día Internacional da Violencia de Xénero, ás 12:30 da mañá. Ó serán as participantes tamén visitaron o palacio municipal de María Pita. Ademais tamén se iluminou de cor morada a ponte de Ponteceso.

O Concello de Cabana conmemorou este día cun acto no que a poesía e a música foron as grandes protagonistas. A xornada, levada a cabo na Casa do Pendón, deu comezo cunha interpretación a cargo do alumnado da escola de teatro municipal, quen homenaxeou a algunhas das mulleres máis destacadas da historia como a mexicana Frida Khalo ou a científica Marie Curie. As poetisas Rosalía Fernández; Branca Vilela e Maica Pastoriza compartiron coas persoas alí reunidas algúns dos seus versos antes de que a autora cabanesa, Matilde Vilariño, estreara un poema co gallo desta efeméride, no que reivindicou o empoderamento da muller e a necesidade de avanzar cara un futuro máis igualitario.

En Malpica celebrouse un acto onde a Concelleira de Igualdade, Marisol Blanco Gorín, procedeu a ler o manifesto institucional contra a violencia de xénero. Acudiron os membros da corporación municipal e veciños e veciñas da vila que quixeron sumarse ao evento. Despois proxectouse “Ti Podes. Libérate e Voa” , un vídeo  no que participaron varias asociacións do Concello.

O Concello de Muxía acolleu unha concentración diante da Casa Consistorial para amosar o seu rexeitamento ante a violencia de xénero. Na concentración interviron Patri, Eva e Barca en representación das mulleres deportistas e o alcalde, Iago Toba, en representación institucional. Tamén acudiu o alumnado do IES Ramón Caamaño cunha pancarta reivindicativa con esta lacra da nosa sociedade.