O 27 de abril sortearanse as primeiras vivendas protexidas en Ferrol froito do programa Rexurbe


O vindeiro 27 de abril sortearanse dúas vivendas de promoción pública (VPP) construídas polo Xunta no número 1 da rúa Argüelles, en Ferrol, entre todas as persoas inscritas neste municipio no Rexistro único de demandantes de vivenda.

Trátanse das primeiras VPP promovidas nesta cidade ao abeiro do programa Rexurbe, unha actuación na que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) investiu máis de 406.000 euros, destinados á adquisición da parcela e á posterior construción do edificio, que visitou o pasado 8 de marzo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coincidindo precisamente co remate das obras.

Cómpre lembrar que o Rexurbe se puxo en marcha no ano 2018 co obxectivo de actuar de forma directa en conxuntos históricos degradados a través da adquisición de inmobles para rehabilitar e destinalos a usos residenciais.

No caso de Ferrol, o municipio galego no que a Xunta adquiriu máis edificios ao abeiro deste programa, o IGVS dispón doutros 18 inmobles, compostos tanto por edificios que se van recuperar, como por parcelas nas que se prevé construír vivendas novas.

Actualmente están licitadas xa as obras de rehabilitación do número 7 da rúa Rastro, do que se obterán dúas vivendas por un importe de 384.245,36 euros.

Tamén se licitou conxuntamente a rehabilitación do edificio emprazado na rúa Carme Curuxeiras 8 e a construción doutro novo nos solares de Carme Curuxeiras 22-24. Ambas obras licitáronse a comezos de marzo por un importe de 1.277.838,24 euros.

Por outra parte, estase tramitando a próxima licitación das obras de rehabilitación doutros 10 inmobles nesta cidade, co obxectivo de que os traballos sobre o terreo se inicien ao longo de 2021, igual que as obras xa licitadas ata o momento. Finalmente, este ano tamén se redactarán os proxectos de rehabilitación doutros cinco inmobles.